Que é BioReDes

A Agrupación Estratéxica de Investigación 'Xestión e Produción Sustentable de Biorecursos: BioReDes' nace en 2018, ao abeiro das axudas para a creación  de agrupacións estratéxicas convocadas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, para transformar e revolucionar o sector primario galego.

BioReDes xorde para desenvolver unha actividade de I+D+i, de carácter interdisciplinar, capaz de abordar, desde unha perspectiva sistémica e adaptada ás particularidades da contorna galega, os problemas e retos asociados á produción e xestión sustentable dos biorrecursos

Pertencente ao Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, o campus universitario especializado no sector agroalimentario de Galicia, BioReDes xorde para desenvolver unha actividade de I+D+i, de carácter interdisciplinar, capaz de abordar, desde unha perspectiva sistémica e adaptada ás particularidades da contorna galega, os problemas e retos asociados á produción e xestión sustentable dos biorrecursos. BioRedes emprende, por tanto, a investigación ao longo de toda a cadea de valor, integrando as súas diferentes vertentes relativas á produción animal, vexetal e forestal, e á alimentación segura

BioReDes conforma a unidade tractora da estratexia de I+D do Campus Terra e eríxese na base para construír un campus de referencia no seu ámbito de especialización.

Obxectivos do plan de acción de bioredes

  • Fortalecer a súa capacidade investigadora
  • Promover relacións estratéxicas coa contorna produtiva, social e gobernamental
  • Posicionarse a nivel internacional

Eixos e prioridades

A actividade de BioReDes articúlase en catro eixos sectoriais:

Eixo 1. Produción e saúde animal sostible

BioReDes pretende abordar os retos inherentes ao previsible aumento da demanda mundial de alimentos que fará necesario o incremento das producións, que deberá ser afrontado garantindo a sustentabilidade ambiental. Doutra banda, o incremento da produción terá que adaptarse para os efectos do cambio climático, o que fará necesaria a selección xenética de novas variedades e especies, novas condicións de produción, sistemas de produción con menor impacto e tratar novas enfermidades emerxentes.

Desafíos:

  • Nutrición animal: impacto sobre a calidade, a seguridade alimentaria e a saúde anima
  • Protocolos para mellorar a saúde e o benestar animal: control de enfermidades e redución dos tratamentos mediante ferramentas de diagnóstico, terapias e estratexias de intervención.
  • Arquitectura xenética dos caracteres produtivos: aplicación para a mellora da produción animal, combinando estratexias tradicionais con selección asistida por marcadores.
  • Saúde animal e produción no contexto do cambio climático: enfermidades emerxentes e  estudo do seu potencial zoonótico.
  • “Smart Farming”: uso de sensores para controlar variables en tempo real para a saúde animal, reducindo insumos e minimizando o impacto ambiental.

Eixo 2. Produción vexetal e agricultura sostible 

Este eixo centrarase na mellora da competitividade dos sistemas de produción agrícola e a súa sustentabilidade, relacionado coa seguridade alimentaria e coa mitigación e adaptación ao cambio climático, que require unha xestión eficiente dos principais recursos involucrados: o chan, a auga e as plantas. Ao mesmo tempo, prestarase especial atención á presión que sofre a produción vexetal debido ao número e frecuencia de novos e emerxentes patóxenos e pragas resultado da intensificación da produción, o comercio internacional (globalización) e o cambio climático, que incrementan o seu potencial de propagarse e establecerse.

Desafíos:

  • Saúde do chan: materia orgánica, microbiota, nutrientes e procesos acidificantes.
  • Xestión integral dos recursos para a produción agrícola.
  • Catalogación de recursos xenéticos para á súa conservación e mellora da produción vexetal.
  • Técnicas de produción ecolóxica e adaptación aos sistemas produtivos do Atlántico.
  • Diagnóstico, prevención e control de pragas e patóxenos nos cultivos galegos: cambio global.

Eixo 3. Alimentación segura e saudable

O Eixo de Alimentación Segura e Saudable abordará os temas relativos á saúde e a seguridade do sistema alimentario que debe ser capaz de proporcionar alimentos seguros e garantir que os consumidores teñan acceso a unha dieta saudable. A seguridade alimentaria establécese mediante o coñecemento da composición dos alimentos, os axentes que os alteran e os mecanismos para o seu control, e dos efectos que teñen os alimentos sobre a fisioloxía humana e os riscos asociados a calquera etapa da súa produción.

Desafíos:

  • Métodos moleculares e biolóxicos para avaliar a seguridade dos alimentos: contaminantes microbiolóxicos, clons emerxentes de alto risco, adictivos, residuos e toxinas.
  • Métodos químicos e moleculares para determinar a trazabilidade e a fraude alimentaria: métodos de control para os consellos reguladores ou entidades similares.
  • Probas para avaliar as características organolépticas e nutricionais dos alimentos, e probas subxectivas baseadas na percepción do consumidor (análise sensorial)
  • Novas tecnoloxías de procesamento, incluíndo compoñentes bioactivos como ingredientes ou adictivos alternativos.
  • Uso eficiente dos recursos nas industrias agroalimentarias: uso de subprodutos derivados para a súa aplicación en alimentación humana e animal, ou de interese industrial.

Eixo 4. Produción forestal sostible

O Eixo 4 centrarase de maneira particular nos retos que son propios das súas características intrínsecas ou de carácter global que afectan á produción forestal en Galicia: o progresivo abandono do medio rural que provoca frecuentes situacións de falta de xestión das superficies forestais, a recorrencia dos incendios forestais moi ligado ao abandono do medio rural, o cambio climático que terá impactos significativos nos ecosistemas forestais e nos servizos ecosistémicos que estes proporcionan (en particular, a protección do chan e a subministración de auga). Neste marco hai varias liñas de traballo que resultan necesarias en relación co subsector forestal e co medio rural no seu conxunto.

Desafíos:

  • Manexo forestal activo no contexto do desenvolvemento rural: integración da política forestal no uso da terra, e o seu impacto sobre a biodiversidade.
  • Novas metodoloxías para seguimento de recursos forestais e servizos ecosistémicos (sensores e análises de sistemas complexos).
  • Mellora e implantación de sistemas agroforestais sostibles para a promoción non madeireira do bosque galego: impacto sobre a conservación da biodiversidade.
  • Deseño de estruturas de madeira para nova construción: impacto no equilibrio de carbono.
  • Bases científicas e técnicas para a planificación de actividades de prevención de incendios forestais: efectos do lume en chan en restauración.
  • Obtención de novos produtos biolóxicos a partir de materiais de plantas con alto valor engadido.

Estamos trabajando para completar la información. Disculpen las molestias.

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Aceptar Máis información