O profesor Antonio Rigueiro recibe o premio Luís Porteiro Garea
O profesor da EPS e membro da Agrupación Estratéxica do Campus Terra BioReDes, recibiu a entrega deste recoñecemento a prol do uso da lingua na institución académica, nun acto celebrado na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo.

O premio Luís Porteiro Garea, un galardón creado en lembranza da figura e do legado do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala e que recoñece o traballo a prol do galego nas institucións académicas, foi entregado no día de onte ao profesor Antonio Rigueiro, catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC e membro da Agrupación Estratéxica do Campus Terra BioReDes.
O reitor Antonio López salientou na gala de entrega que “A galeguidade de Antonio Rigueiro e a súa relación co galego é indisoluble” para logo expoñer os méritos colleitados por Rigueiro ao longo da súa traxectoria como docente, investigador e tamén no seu labor de transferencia e divulgación científica.